domingo, 3 de marzo de 2013

Stéphane Hessel

O 27 de febreiro morreu Stéphane Hessel. No cumio dos noventa anos conseguiu que o seu nome fora coñecido por mozos e mozas de todo o mundo. A súa voz chegou a todos a través dun pequeno libro que baixo o título de INDIGNÁDEVOS! aportábanos as reflexións dunha longa vida, rica en experiencias e loita pola democracia e o ben común. Acompañouno José Luís Sampedro no prólogo da versión en castelán e Manuel Rivas á edición en galego da man de Kalandraka. Xente, tamén de ben. Foi unha lección, esa derradeira lección do mestre da que falaba Castelao, tendendo a man ás xeracións novas cando semellaba que ninguén se atrevía a facelo ou non tiña o valor moral de enfrontalo. Por iso compre lembralo, a el, a Sábato... e desexarlle longa vida a José Luís Sampedro (outro imprescindible). 
De paso, é importante ter en conta o valor do texto corto que dun xeito moi ameno ábrenos a novas experiencias.  Lembrade que na nosa biblioteca contamos cun exemplar para todo/a aquel/a que queira lelo.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...